Galicia modo ON.- Xornadas en Porto do Son sobre a posta en valor do seu patrimonio cultural (segunda sesión).


Continuamos compartindo a nosa pasada polas “Xornadas sobre a posta en valor do patrimonio cultural de Porto do Son” impartidas polo propio Concello.

cartelPortodoSon

Cartel das xornadas

Se no anterior post publicábamos a primeira sesión, centrada na necesidade dunha correcta planificación e xestión do patrimonio cultural, na segunda sesión, o patrimonio esquecido e coñecido de Portosín e Baroña respectivamente foron os grandes protagonistas.

As evidencias dun antiquísimo valor histórico e patrimonial laten en Portosín.

Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán (A Pobra do Caramiñal) compartiu e ilustrou a súa visión sobre a importancia dos elementos atopados na igrexa parroquial de Portosín e nos seus arredores, abondas testemuñas para a interpretación das pegadas da Tardo Romanidade que imperan neste recanto.

Poderíase dicir que a forza detonante tivo lugar nos anos noventa, data na que se levaron á práctica as últimas obras neste santuario, obras que sacaron á luz a gran xoia: un impactante sartego paleocristiá de extraordinario valor histórico, un dos poucos elementos conservados pertencentes á antiga Hispania atopados en Galicia. Pola súa orixinalidade esta peza xa formou parte de importantes exposicións, aínda que actualmente se atopa de novo no seu santuario, onde é posible visitala.

Antonio González citou na súa intervención diferentes fontes de arquivo (algunhas datadas no ano 800) que fan alusión ao pasado histórico que contextualiza a existencia de dito sartego. Outos restos arqueolóxicos foron descubertos nas proximidades da igrexa, reforzando esta realidade: inscripcións nas paredes máis antigas do santuario, o fragmento dunha columna romana e restos de tellas da mesma época, anacos de cerámicas antigas, ou o que podería ter sido un mosaico de temática mariñeira.

Esclarecidas as mostras dun interesante pasado e o seu valioso patrimonio, cremos que o seu sería que os organimos competentes (xeralmente a Administración) puidesen desarrollar algunha liña de actuación para lle outorgar o valor que merece como recurso patrimonial e turístico. Sería beneficioso poñer ao coñecemento de todos os veciños e visitantes a existencia deste achado, pois entre todos é mais doado valoralo, aprezalo e conservalo.

A monumentalidade do Castro de Baroña recuperada grazas ás intervencións arqueolóxicas.

Sí, o Castro de Baroña é un dos xacementos castrexos máis populares e máis visitado de Galicia, mais nos últimos anos estaba a ser testemuña de prácticas inadecuadas que pouco facían por preservar o seu indiscutible valor (rock balancing, ritos inadecuados…). Quizáis por descoñecemento, o Castro de Baroña estaba a ser interpretado de forma errónea por moitos dos seus visitantes, repercutindo negativamente tanto no seu valor como na súa conservación, por tanto precisaba dunhas medidas urxentes que devolvesen a dignidade a tan prezado recurso.

Luis Francisco López González, é un dos arqueólogos que dende o ano 2012 levan traballando no plan de posta en valor do Castro de Baroña. Nesta xornada, o arqueólogo resumiu ao público as accións levadas adiante baixo tres estratéxicos eixes: investigación, preservación e difusión.

Na primeira intervención tratouse de auxiliar ás estructuras e zonas máis deterioradas do Castro (ben pola pegada do tempo, falla de coidado dos seus visitantes ou a incorrecta interpretación doutras intervencións arqueolóxicas antigas), e tamén se comezou a traballar no realzamento da muralla defensiva. Asimesmo nesta intervención foi cando se deseñou o itinerario recomendado (non obrigado) para camiñar polo Castro respectando ao máximo os seus recantos.

Na segunda intervención continuaron os traballos nas mesmas estructuras danadas e muralla, e ampliáronse as accións á zona da entrada máis á ignorada muralla exterior e ao desapercibido foxo picado en pedra e sepultado pola area da praia. Un par de vivendas foron reinterpretadas e foi posible a apertura cadansúa entrada (lembremos que a maior parte das vivendas do Castro de Baroña son circulares, sen entrada, debido a unha mala interpretación no pasado).

As dúas intervecións foron acompañadas dun plan de difusión desarrollado o pasado ano, no que participaron escolares, profesionais do sector turístico e público en xeral, plan do que fomos testemuña e no seu momento publicamos neste blog.

P1000064

Entrada a unha subzona no Castro de Baroña.

Queda moito traballo por facer na recueración do Castro de Baroña, mais como puidemos apreciar, o traballo realizado ata agora cumpriu unha misión moi importante, marcou un antes e un despois na visión do Castro de Baroña, un acorazado poboado castrexo que no seu tempo soubo sobrevivir a unhas moi duras condicións, un pobo intelixente que soubo crear elementos de defensa e que ben merece o noso respecto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s