Galicia modo ON.- O blues clásico en Compostela con Andhrea & The Black Cats


Gústavos o blues? Con este xénero musical ás veces acontece o mesmo que cos bos manxares: ata que se degustan nas mellores condicións, non hai consciencia do deliciosos e únicos que son!

Andhrea and The Black Cats (ou o que é o mesmo, Andrea, Benjamín e Figui) son unha banda compostelá que leva un tempo “evanxelizando” na relixión do blues máis clásico aos seus seguidores, un público que xeralmente amosa as súas inquedanzas e curiosidade musical empapándose dos seus trazos musicais e elegantes versión. É habitual ver á banda tocar en distintos locais da capital galega, mais tamén extenden o seu arte a outras moitas localidades da nosa xeografía. Estivemos con Andhrea and The Black Cats para coñecelos máis de preto, e isto foi o que nos contaron:

Galicia modo ON.- Gustaríamos saber cando e como xurde a vosa historia como banda.
Andhrea & The Black Cats/Figui.- Pois resulta que Andrea e mais eu coincidiramos hai dous aniños nunha banda chamada Old Black Bones, e comezamos a facer algún boliño por Compostela, en plan trío, con Ignacio Tosar á guitarra; por certas circunstancias tiveramos que deixalo, aínda que seguimos mantendo a amizade.
Eu levaba tempo xa coa idea na cabeza de montar un trío de blues con cancións antigas, pois sempre fun un namorado dese estilo. Hai cancións incríbles (que non se escoitan habitualmente) e ás veces é complicado atopalas, se non contas con alguén que te guíe cara elas. Andrea estaba moi interesada nese xénero, e tentaba centrarse cada vez máis na procura de cancións, estilos, artistas….. Sabía que Benjamín tiña un potencial instrumental tremendo, e aínda que nun principio pode que non se atrevese a se facer cargo dunha única guitarra, nun formato tan nú coma este, sabía que, en canto se soltase un pouco, o iba a desfrutar moitísimo.
Así que os acorralei diante dunhas cervexas (Andrea tomou Cocacola!) e lles propuxen este proxecto. O bo ambiente nos ensaios deuse dende o principio, a cousiña foi funcionando, e ata hoxe.

Galicia modo ON.- Como definiríades a vosa música? Que credes que vos diferencia doutros grupos de blues?
Andhrea & The Black Cats.- Se nos tivesemos que definir dunha maneira sinxela diriamos que somos uns intérpretes de blues, non procuramos facer nada novo, todo o contrario, tocar cancións antigas que nos fan sentir algo, e que teñan una historia curiosa que contar, respectando sempre a canción orixinal, pero tamén dándolle o noso diminuto selo persoal.

Andhrea & The Black Cats

Andhrea & The Black Cats

Galicia modo ON.- Sabemos que nas vosas actuacións, ademáis recuperar e versionar antigos temas, previamente adicades uns minutos ao público, presentándolle o contexto que rodea a cada canción, para o seu mellor entendemento. É doado crear esa conexión (público-blues), máis cando adoita ser público xoven?

Andhrea & The Black Cats.- Normalmente a xente xove (e ás veces a non tan xove) escoita a definición “Blues antigo” e rápidamente lles salta o automático na cabeza, e pensan algo así coma “uuuf vaia tostón, Coñazo…”. Isto se debe en parte a que están acostumados a escoitar blues máis duro, e tamén a que hoxe en día, as cancións sexan coma as hamburguesas, de consumo rápido e de fácil dixestión. O que acontece é que cando lles explicas de que vai a canción, de repente se quedan calados e escoitan. Os temas tratan das drogas, do paro, dos xefes cabróns que explotan aos traballadores, de sexo, de desamor, do alcohol, de xente falsa…..isto vivímolo continuamente hoxe por hoxe; a temática non perdeu vixencia, e por iso se interesan e de contado nos piden o nome dos intérpretes para buscar no Youtube ou no Spotify.

Ás veces hai que escoitar música que de boas a primeiras é bastante dura de entrar, é un bo exercicio. E cando eres capaz de meter os fuciños nela, de repente descobres que hai un mundo enorme moitísimo máis alá de Joe Bonamassa, Eric Clapton, Gary Moore…. De repente escoitas a Big Mama Thornton, Sister Rosetha Tharpe ou Huddie Leadbelly Ledbetter e pensas algo así como, “Pero se isto é insuperable!” E coma eles, centos de artistas do xénero que non moita xente coñece. É a riqueza do blues, escoitar a xente cun talento deslumbrante e que venderon moi pouquiños discos, pasaron case inadvertidos ou só hai una mala grabación en video; pero tamén os hai que triunfaron e foron lendas en vida!

Galicia modo ON.- E falando de blues…á hora de interpretalo, que credes que é o máis importante a ter en conta?

Andhrea & The Black Cats.- O RESPECTO (en maiúsculas!) tanto ao xénero coma aos artistas, isto é o máis importante. Moitas veces escoitas un tema dun músico cego, autodidacta, sen idea de música, e ves que a forza que lle impartía á canción é brutal, iso non se aprende nas academias, foi froito da necesidade de tocar e de adaptarse ós elementos dos que dispoñía, e iso hai que respectalo ante todo.
Só hai que escoitar calquera cousiña de Son House e xa ves ao que nos referimos. O que crea que o blues é fácil simplemente ten que tocalo coa mesma actitude desta xente, ahí é onde comezan as dificultades e onde te das conta do inmenso talento destes músicos.

Tamén hai que ter en conta a importancia que ten conseguir sentir o tema como teu, pero, como ben dicimos, sempre dende o máis profundo respecto ao artista orixinal.

Galicia modo ON.- Sempre escoitamos que vivir da música non é para nada doado. Segundo a vosa experiencia, cales son as pricipais “lousas”coas que se atopan os músicos que coma vos, traballades en pequenos locais, festivais e outros eventos?

Andhrea & The Black Cats.- A profesión de músico, non está del todo considerada como una profesión e por tanto, pensamos que non se acaba de valorar todo o que conleva preparar un bolo. Hai moita xente que non ten nin idea das horas e horas que supón ir a tocar a un local, que por un lado é traballo individual de cada un, pero despois son horas de traballo en equipo. Ademáis de que hai moitos sitios onde cren que poden intercambiar una actuación por bebida, comida ou publicidade, e evidentemente, non só do aire vive o home! (sorrín) Logo tamén hai outras posibles “trabas” que poidan poñer os concellos co tema de tramites, permisos e demáis procedementos.

1623786_391413274335712_1891541906_n

Andhrea & The Black Cats

Galicia modo ON.- O mellor e o peor de ser músico?

Andhrea & The Black Cats.- O mellor, case todo! Estamos facendo algo que nos gusta, nos enche, nos permite transmitir cousas e sentimentos que doutro xeito non saberíamos expresar. O contacto coa xente, ver que se paran pola rúa para escoitarche, que se achegan despois dun bolo para che dicir que lles encantou; é algo impagable. E é algo que nos apaixoa tanto que moitos de nós lle adicamos a metade das horas que ten o día para mellorar e seguir aprendendo desta arte.
O como peor, poís señalaría os traslados longos; non o feito de ir a tocar a Lugo ou Vigo, por exemplo, senon o tempo de traslado, xa que despois dun bolo que remata as 2 da madrugada, o que tés son gañas de ir durmir, pero aínda quedan 2 horas para chegar ata á túa casa. Pero aínda así paga a pena o tempo empregado, porque sempre temos anécdotas graciosas no coche, que nos fan rir un bo anaco.

Galicia modo ON.- Onde podemos ver actuar a Andhrea and The Black Cats?

Andhrea & The Black Cats.- Pois neste momento imos pululando dun sitio a outro, agardando que se vaian solucionando os asuntos con Concello. Polo momento tocamos una vez ao mes na Casa Da Marquesa en Santiago de Compostela, en horario de tarde noite, para amenizar un pouco, e pasar un bo momento con toda a xente que ata alí se achega. Tamén temos pendentes más datas de concertos que confirmaremos en breve, a través da nosa páxina de Facebook  

Galicia modo ON.- Algún proxecto que teñades previsto a curto prazo que poidades compartir connosco?

Andhrea & The Black Cats.- Pois o noso disquiño xa está no forno, así que axiña poderedes facervos con un nalgún local de Compostela, ou ben falando directamente conosco:

Facebook: Andhrea & The Black Cats

Mail: blackcatsbluestrio@hotmail.com

Queremos agradecer á banda Andhrea and The Black Cats toda a dedicación que nos brindaron para esta entrevista e por suposto desexarlles moitas noites de blues e éxito!

Fotos: Andhrea and The Black Cats

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s