Galicia modo ON.- Revivindo a historia nas minas de San Finx (Lousame).


Estes días tivemos a oportunidade de poder coñecer máis de preto un importante xacemento que desexabamos visitar dende fai xa un tempo (máis tendo en conta que nos últimos anos se estivo a traballar na súa recuperación parcial e restauración). Trátase dun complexo mineiro dos máis importantes de Galicia, cuxa outorgación de “Punto de Interés Geolóxico” lle foi recoñecida polo IGME (Instututo Geológico y Minero de España).

Falamos das minas de San Finxsituadas no lugar de Vilacoba, Concello de Lousame (A Coruña).
Aínda que na actualidade as minas de San Finx carecen de actividade mineira, durante arredor de case cen anos supuxeron o alento económico tanto para os habitantes da zona, coma para outros traballadadores vidos de distintas partes da rexión, do país, e incluso do estranxeiro.

P1000395

Maquinaria na nave de compresores. San Finx (Lousame).

ESPLENDOR SOCIAL, VANGARDA, RIQUEZA…PERO TAMÉN PRECARIEDADE E ESTRAPERLO.

As minas de San Finx foron explotadas de xeito activo e continuado dende finais do século XIX ata os anos 90 do século XX (foron as primeiras minas de extracción de estaño en abrir de España, e as últimas en suspender a súa actividade). Aínda que nos seus primeiros anos eran mans inglesas as reponsables da explotación (os ingleses propiciaron certo esplendor cultural e social, trouxeron avances tecnolóxicos punteiros na época, outorgáronlle ás minas de san finx unha infraestructura de vangarda); a partir dos anos 40 pasa a mans galegas, concretamente ás mans do grupo Barrié de la Maza (posteriormente foi cambiando de propietarios, sempre galegos).

Sin título-3

Orixinais artiluxios eléctricos expostos no Museo da Minería. San Finx (Lousame)

Se nos seus primeiros anos se adicou á obtención do estaño (mineral metálico de baixa fusión empregado principalmente no campo electrónico), anos despois, respondendo a necesidades históricas e políticas, o wolfram, ou tungsteno (mineral metálico de alta fusión empregado principalmente en material bélico) converteuse no elemento máis cobizado, dando lugar á coñecida a febre do wolfram. Nesta época, entre os anos 40 e 50 (a de maior produción das minas), chegaron a traballar arredor de 500 persoas de xeito controlado (arredor dunhas 200 persoas o fixeron por aquel entón de xeito incontrolado).

P1000380

Detonador. Museo da Minería. San Finx (Lousame).

A poderosa influencia que por entón exercía esta explotación mineira, supuxo, entre outras moitas cousas, a instalación da primeira liña de teléfono na comarca, situada na veciña vila noiesa e traída dende Lousame. Tamén se conta que grazas ao capital e dirixentes das minas de San Finx, o vello casino de Noia (mercado hai uns meses polo Concello de Noia e pendente de restauración) tivo os seus anos dourados.

O wolfram de San Finx serviu na fabricación de gran parte do armamento empregado na II Guerra Mundial e na Guerra de Corea. Circunstancialmente o wolfram era mellor pagado fóra da mina que na mesma (na propia mina as condicións de traballo eran tan precarias que xa no ano 1918 se produciran alí os primeiros movementos sindicalistas de Galicia). Como un pode imaxinar, este feito xustificou accións delictivas entre traballadores, veciños e achegados, accións coñecidas como “a roubacha” ou “ir ás pintas” (as pintas eran trazas de wolfram que contían antigos desfeitos mineiros espallados polos arredores). Hoxe por hoxe aínda resoan historias sobre o estraperlo e o mercado negro no que se vendía o mineral e sobre a represión dos gardas que, sen compasión, adoitaban enfrentarse aos numerosos buscadores de wolfram. Na comarca do Barbanza, e sobre todo no concello de Lousame, aínda quedan testemuñas directas da dura vida da mina. Hoxe son avós, mais lembran e trasmiten aos seus achegados as súas vivencias na crise da posguerra e a duras condicións dos traballos mineiros.

20141115_112611-1-1

Traballadores “á roubacha” ou “ás pintas”. Fotografía extraída de folleto turístico Concello de Lousame.

AS MINAS DE SAN FINX NA ACTUALIDADE, UN INTERESANTE RECURSO TURÍSTICO.

Moito e moi valioso é o patrimonio que hoxe por hoxe se conserva na grande extensión de zona mineira. Por motivos de seguridade non é posible adentrarse nas cavidades subterráneas do xacemento, mais na superfice abondan elementos patrimoniais moi importantes, que axudan asimilar a magnitude da actividade (vistas panorámicas da explotación mineira, pozo de extracción, escombreira, bocaminas, filóns de cuarzo, nave de maquinaria industrial, etc.).

Sin título-2

San Finx, Vilacoba (Lousame). Á esquerda o Museo da Minería.

P1000392

San Finx, Vilacoba (Lousame). Nave de compresores.

A visita que nós realizamos transcorreu principalmente pola zona próxima ao antigo poboado mineiro, zona na que máis insistiron os traballos de recuperación dos últimos anos:

Museo da Minería: é un dos puntos claves a visitar para a comprender á perfección a contextualización histórica da mina. Ademáis dunha pequena aula de interpretación, o museo conta con identificadores e completos paneis informativos. Impresiona neste espazo a recopilación de numerosa documentación, ferramenta e artiluxios da época; así como unha moderna maqueta que ilustra a estructura subterránea da mina (contamos na maqueta ata 8 prantas de explotación).

P1000368

Maqueta das minas de San Finx. Museo da Minería. San Finx (Lousame).

P1000385

Apeiros de traballo do século pasado nas minas de San Finx. Museo da Minería. San Finx (Lousame).

Nave de compresores: próxima ao museo e importante magnitude, esta nave alberga gran parte da maquinaria e infraestructura insdustrial empregada na época. O edificio en sí mesmo é digno de admirar. Conserva a maioría dos elementos orixinais, incluído o tan encantador como desgastado piso bicolor. Aquí seguen os monumentais compresores traídos de Estados Unidos que, no seu día, foron os máis modernos do país.

P1000393

Antigo compresor en perfecto estado, importado no seu momento dende Estados Unidos. Nave de compresores. San Finx (Lousame).

P1000421_

A maquinaria importada de Estados Unidos foi indispensable para a explotación das minas de San Finx. Nave de compresores.

No seguinte enlace ao noso Facebook podedes ver máis fotografías da nosa visita ás minas: http://on.fb.me/1A93nZ0

VISITAR AS MINAS DE SAN FINX

Aínda que moitos dos elementos se atopan nun espazo aberto, polo que a súa visita é libre…o Concello de Lousame é actualmente o presponsable da realización das visitas ao Museo da minería e á nave dos Compresores. Segundo nos indicaron, as visitas guiadas adóitanse realizar a grupos mínimos de 10 persoas. En calquera caso, é preciso contactar co Concello para concertar as visitas:

Teléfono: 981 820 494
Páxina web: http://www.concellodelousame.com/
Máis información das Minas de San Finx: http://www.concellodelousame.com/historia/minas/minas.html

FOLLETOS CONCELLO

Folletos informativos no Museo da Minería San Finx (Lousame).

AGRADECEMENTOS
Queremos dar as grazas a Maite (Concello de Lousame), pola súa entrega e profesionalidade na visita guiada; e por suposto a Ángela, ela foi a organizadora da nosa saída e, segundo nos comunicou, tratará de realizar outra visita ás minas de san Finx nas próximas semanas.

Non podemos facer máis que recomendarvos o voso paso polas minas de San Finx, sabemos que fóra da comarca non é un dos recursos turísticos máis populares, mais nós sentimos que é preciso convidarvos a todos vos a que vos acheguedes a coñecer un lugar tan especial que acumula lotes da nosa historia recente.

Deixar un comentario