O “antigo” está de moda? Parece unha contradición, mais é unha realidade.
Na actualidade son moitas as expresións artísticas (publicidade, comunicación, música, moda, deseño, etc.) que, ao seu xeito, nos trasladan á elegancia do século pasado, onde cada década circustancialmente tinguiu coa súa personalidade xeracións ben distintas. Tendo en conta que a nostalxia é unha das máis recurrentes emocións humanas, a nós non nos sorprende que na actualidade termos coma “retro” ou “vintage” (confesamos non ter moi clara a diferencia) evoquen ese aprezo que temos por conservar e retomar aquelo que consideramos ben feito, único!
As rúas de Boiro (A Coruña) acollerán este sábado 24 de maio o II Maio Vintage Market, un evento que baixo esta vistosa e romántica temática, pretende dinamizar o comercio local, ademáis de dar difusión a outras creacións variadas que conservan o estilo do feito a man.
Máis de 60 postos espallados por 4 zonas marcadas no rueiro da vila (zona A, zona B, zona C e zona D) amosarán a súas creacións ou propostas, sempre acordes á temática protagonista. Deseño, fotografía, ilustración, moda, arte, segunda man…opcións moi atractivas que seguro farán as delicias dos seus visitantes.
Pero o II Maio Vintage Market vai tamén acompañado tamén dunha oferta lúdica e cultural moi interesante. Orixinais e variados obradorios para todos os públicos (elaboración de pasta de dentes e sais de baño ecolóxicas, marcapáxinas, bixutería e modelado de arames para accesorios, e outras manualidades.) un photocall, divertidas exhibicións (baile twist, peiteados vintage, desfiles de moda….) teatro, circo, maxia e por suposto música (actuarán os nosos amigos boirenses The Lákazans, xunto a Embrio, O Ollomol e DJ Gafapasta e DJ Desoto.
A ORGANIZACIÓN
Tras a organización do II Maio Vintage Market atópase a Plataforma Creativa Creaturas un colectivo da comarca implicado precisamente na difusión de iniciativas lúdicas, comerciais e culturais na súa comarca, coma o II Maio Vintage Market .
Blog: http://plataformacreaturas.blogspot.com.es/
Mail: ideasamoreas@gmail.com
Con todo isto, máis ca un mercado na rúa, o II Maio Vintage promete ser toda unha grande festa, onde a diversión está máis que asegurada para todos os seus visitantes.
A nosa suxerencia persoal, ademáis de convidarvos a que asistades, é que o fagades dacordo á estética vintage que marca o acontecemento…deixarse levar por accións divertidas coma esta é positivo e gratificante sempre!
Imaxes: Creaturas Plataforma Creativa.