Cando a alguén non familiarizado en exceso coa cultura vitivinícola (como podemos ser nós mesmos, por exemplo) se lle pregunta pola produción de viño da D.O. (Denominación de Orixe) Rías Baixas, este adoita trasladar a mente aos viñedos do Salnés, ou do Baixo Miño…esquecendo que outros territorios, maiormente ubicados na provincia de Pontevedra, abranguen dedicación a esta actividade, sendo incluso maiores produtores que outros máis populares
Albariño en cremento na subzona D.O. Rías Baixas O Condado do Tea.
Precisamente para dar a coñecer esta actividade vitivinícola, creouse xa no ano 1996 a Ruta do Viño Rías Baixas unha entidade que ten entre os seus principais obxectivos potenciar o valor turístico do riquísimo patrimonio que se agocha baixo o universo do viño da D.O. Rías Baixas, a través de distintos servizos e actividades de difusión.
Actualmente a Ruta dos Viño Rías Baixas está formada por 4 subzonas:
– Val do Sanlés (Concellos: Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa).
– O Rosal (Concellos: A Guarda, O Rosal e Tomiño)
– Ribeira do Ulla (Concellos: Vedra – único concello pertencente á provincia de A Coruña).
– O Condado do Tea (Concellos: As Neves, Arbo, Salvaterra do Miño e o recentemente incorporado Salceda de Caselas).
Co gallo da recente incorporación do concello de Salceda de Caselas e a adega Adegas Galegas á Ruta do Viño Rías Baixas, fomos convidados, xunto a un grupo de profesionais de distintos medios de comunicación, a unha viaxe de prensa que tiña por obxecto dar a coñecer de xeito máis profundo a subzona do Condado de Tea.
Viñedos adega Pazo de San Mauro (Salvaterra do Miño).
A NOSA VIAXE POLO CONDADO DO TEA
Adega Pazo de San Mauro
Comezamos a xornada visitando a primeira adega: Pazo de San Mauro (Salvaterra do Miño). Un paseo pola contorna foi suficiente para admirar a beleza natural que alí todo o preside. Un grande desfrute para nós foi tamén poder asomarse ao seu miradoiro, e visualizar a frondosa paisaxe, onde o verde das cepas é o protagonista. Dentro das instalacións da adega atópase o pazo, e a pequena capela que da nome tamén ao seu albariño: Pazo de San Mauro. Resultounos moi interesante coñecer máis de preto (e a través dos profesionais do Pazo de San Mauro) o proceso de elaboración do seu albariño (que segundo nos contaron, é único grazas á técnica que se lle aplica de maceración en frío). Poder degustalo xunto ao outro viño tamén de colleita propia, o Pazo de San Amaro (froito da mistura de albariño con loureiro) foi moi gratificante tamén agrada comparar as diferencias entre ambos caldos e coñecer o porque dos seus aromas e gustos.
San Amaro, albariño e loureiro; San Mauro, albariño D.O.
Mais as terras de O Condado posúen outros interesantes recursos que van máis alá da produción de albariño. Puidemos saber a través da Ruta do Viño Rías Baixas que durante estes últimos anos se está a traballar na recuperación do patrimonio material etnográfico, sendo moitas as accións destinadas á recuperación e restauración de lavadoiros, fontes, cruceiros, muíños…Visitamos un exemplo restaurado destas accións en Rubiós (As Neves), o Muíño da Cuña, que na actualidade produce fariña para varias familias.
Muíño da Cuña. Rubiós (As Neves)
A segunda adega a visitar foi Señorío de Rubiós (Bodegas Coto Redondo) (As Neves). Segundo nos comentou o persoal da adega mentres nos ensinaba as instalacións, esta sociedade está formada por máis dun cento de socios, os máis deles con adega propia. O albariño Señorío de Rubiós leva recollidos numerosos premios, tanto a nivel nacional como internacional. Son moi rigurosos e coidan todos os detalles nos distintos procesos de elaboración dos seus viños. Señorío de Rubiós ten por obxectivo asentarse no mercado nacional. Ademáis do seu afamado albariño, son produtores de varios tipos de viño espumoso e de viño tinto. Tamén nesta adega nos convidaron a degustar algún dos seus viños (moi ben acompañados de froitas de tempada, “requesón” de As Neves e outras delicias), mentres nos explicaban as principipais características dos mesmos.
O último punto da nosa visita foi o copioso xantar no aloxamento de Turismo Rural Casa Pazos (Arbo), unha fermosa e acolledora casa rural na que puidemos desfrutar de verdadeiros manxares elaborados a base de produtos gastronómicos locais ben valorados dentro e fóra de Galicia, como a lamprea, o galo de curral ou “requesón” de As Neves.
A lamprea é unha das xoias gastronómicas de máis sona, e prepárase de moitos xeitos distintos.
O galo de curral ben cociñado convértese nunha delicia gastronómica única.
En definitiva, esta viaxe axudounos a coñecer de preto as grandes oportunidades turísticas que alberga a subzona do Condado do Tea: enoturismo, patrimonio natural, patrimonio cultural, gastronomía de calidade e unha infraestructura máis que cualificada.
Queremos agradecer á Ruta do Viño Rías Baixas por contar connosco para esta actividade, e tamén a Antonio Méndez, presidente de Señorío de Rubiós por acompañar ao noso grupo durante toda a viaxe e compartir connosco a súa sabedoría e reflexións. Asimesmo, agradecemos tamén ás adegas Pazo de San Mauro e Señorío de Rubiós, e a casa de Turismo Rural Casa Pazos a tan boa acollida que nos brindaron.
Podedes ver máis fotografías deste evento na nosa páxina de Facebook.