Que en Galicia contamos con grandes profesionais de moi diversos campos que loitan día a día por facer realidade os seus proxectos é algo que non nos colle “de novo” en Galicia modo ON; se algo celebramos é precisamente poder compartir convosco aquelas iniciativas que consideramos de interese.
Coñecer a existencia de persoas, entidades ou asociacións centradas en dar a coñecer e premiar este tipo de iniciativas, é un feito que celebramos sempre que temos ocasión no noso blog; no seu día xa o fixemos cos premios ao Social Media galego MexilOnseTuits, Festival Social Media de Galicia; e cos xa míticos premios do audiovisual galego, os premios Mestre Mateo.
Hoxe celebramos convosco a chegada dos primeiros premios que poñen en valor e recoñecemento a nosa música. Chegan os Martín Códax, os Premios Galegos da Música.
– ¿QUEN PROMOVE OS PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX?
A Asociación de Músicos de Galicia, ou o que é o mesmo, M.A.V. (Música Ao Vivo) veñen de presentar estes días a primeira edición destes premios musicais. Estamos a falar dunha asociación fundada hai arredor de 5 anos, que centra a súa actividade en acoller e dar difusión artística aos profesionais galegos da música, indepentendetemente do estilo musical que os definan. A asociación será a encargada de valorar e escoller os traballos gañadores de cada categoría musical dos Premios Galegos da Música Martín Códax.
– 13 CATEGORÍAS + 1 PREMIO HONORÍFICO.
As 13 categorías deste evento tentan abrazar a diversidade musical que está a xerar o noso país, tendo en conta así estilos musicais moi diferenciados:
Pop / indIe
Rock / blues / funk / soul
Jazz / músicas do mundo
Hip hop / músicas urbanas
Música clásica / contemporánea
Folque
Música tradicional galega
Músicas do mundo
Música infantil
Electrónica
Metal
Reggae / ska / mestizaxe
Orquestras / grupos / música de verbena
O Premio Honorífico será entregado ao artista (ou artistas) que ao xuízo de M.A.V. responsables da organización, contribuíu coa sua obra e traxectoria profesional ao enriquecemento da cultura galega.
– QUEN PODE PRESENTARSE COMO CANDIDATO AOS PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX?
“Todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2013”. Dacordo coa información especificada na propia web do concurso, aos candidatos non se lle esixe un traballo nun idioma específico, tampouco se lle reclama ter editando algún disco anteriormente, nin tan sequera ter ás súas costas unha longa traxectoria profesional no mundo da música. Pode que por tratarse da primeira edición destes Premios, a Asociación desexe unha participación máis aberta; sendo tamén coñecedora de primeira man da infinidade de proxectos musicais de gran calidade que se están a desenrolar en Galicia, parece beneficioso fomentar a oportunidade de se amosar dentro da plataforma do certame.
– DATAS SINALADAS:
+ Do 20 de Setembro ao 20 de Outubro: período de inscripción dos proxectos musicais nas categorías correspondentes.
+ 21 Outubro: Votacións de M.A.V. (a Asociación valorará e escollerá 3 finalistas por categoría).
+ 15 Novembro: Comunicación pública dos finalistas.
+ 13 Decembro: Celebración da Gala de entrega dos Premios Galegos da Música Martín Códax para os gañadores desta primeira edición.
Dende Galicia modo ON seguiremos de preto as distintas fases dos Premios Galegos da Música e iremos compartindo convosco a información tamén a través da nosa páxina de Facebook e Twitter.
Pingback: Galicia modo ON.- I Premios Galegos da Música Martín Códax. E os gañadores son… | Galicia modo ON