Estaredes dacordo connosco en que na vida hai poucas cousas mellores que a música para activar o teu “modo ON”. Por iso hoxe nos sentimos afortunados de compartir convosco un novo post a ritmo de bo Rock&Roll…e feito en Galicia!
O pasado 25 de Abril fomos convidados a un interesante evento que tivo lugar nun hotel da capital galega; tratábase dunha rolda de prensa na cal nos permitiron ser testemuña lo lanzamento no novo traballo dunha xenuína e xa mítica banda de Rock&Roll galega, os Heredeiros da Crus.
Heredeiros da Crus no momento da rolda de prensa.
Jard Rock CON FE, así se chama o séptimo traballo de estudio desta banda. Trátase dun disco gravado íntegramente en Galicia, e en galego, baixo a produción de airapro e Juan de Dios . Puidemos saber que a tecnoloxía hoxe en día facilita moito a infraestructura técnica para realizar a gravación dun disco: os Heredeiros tan só precisaron dun estudio en Coruña para gravar baixo e batería, o resto do traballo foi realizado nun centro social no municipio de Boiro.
O equipo manifestou estar realmente moi satisfeito co disco Jard Rock CON FE, considérano un dos seus traballos con maior calidade, sobre todo dende o punto de vista técnico. Sen afastarse da súa influencia rockeira dos anos setenta e oitenta, e por suposto mantendo o espíritu xenuíno dos comezos da banda do Barbanza, Jard Rock CON FE promete posicionar definitivamente aos Heredeiros da Crus como un referente de peso na historia do Rock&Roll galego.
Cartel do concerto presentación.
A presentación oficial do disco Jard Rock CON FE acompañada dun concerto (no que ademáis de soar os novos temas haberá ocasión de rememorar os clásicos da banda), terá lugar o vindeiro venres, 24 de maio na sala LP45, no municipio de Ordes. As entradas xa están á venda e o prezo é de 25€ ( o prezo inclúe entrada ao concerto e disco Jard Rock CON FE). Ata o día do concerto, só é posible escoitar o primeiro single, A Duquesa de Poi:
Unha banda pioneira.
Os Heredeiros da Crus comezaron a súa andaina musical alá polos anos noventa. A súa actitude desenfadada xunto coas súas provocadoras e irreverentes cancións, ben dotadas coa nosa particular sorna (cancións interpretadas no galego dialectal do seu lugar de orixe, o Barbanza), fixeron dos Heredeiros unha banda de rock única naquel momento, foron pioneiros en crear un estilo de Rock&Roll que podíamos entender coma “noso”, e co que era máis doado identificarse. Tras eles, outras bandas galegas comezaron a expresar a música como a sentían. Grazas á incursión dos seus videolips en programas de televisión coma o Xabarín Club, con cancións como “Que Jallo É” , “Íscalle Lura” ou “O Porquiño” foron gañando seguidores,que dende os seus comezos e ata hoxe abarcan diversas xeracións de fans.
Heredeiros da Crus na presentación de Jard Rock CON FE
Os Heredeiros da Crus e as redes sociais.
Hai pouco máis de un ano que os Heredeiros da Crus decidiron voltar aos escearios, logo de case dez anos de silencio. O motivo, un movemento levado adiante por milleiros de fans, que aproveitaron a poderosa comunicación que ofrecen hoxe por hoxe redes sociais como Tuenti e Facebook para reclamar a volta aos escearios dos “Máis Jrandes”. Eran moitos os mozos e mozas que desexaban a súa volta. Os Heredeiros decidiron entón probar sorte e convocar nun multitudinario concerto aos seus seguidores nunha coñecida sala de Ordes. O éxito foi rotundo, e logo dun verán cargado de concertos nos principais festivais de Galicia, decidiron poñerse a traballar e darlle vida a este traballo que hoxe presentamos.
Dende Galicia modo ON queremos agradecer aos Heredeiros da Crus e a airapro por nos convidar á rolda de prensa e nos facilitar a edición deste post. Desexamos que este novo traballo cumpra todas as espectativas desexadas!
Enlaces a outros medios que fan eco do lanzamento:
Fotografías: Airapro producións